Blogia
Terra de ninguén

Historias para non durmir

Érase unha vez un lobo solitario que habitaba no cumio dun monte de renome, onde raíñas, bois e apóstolos xogaban a ser lenda. E alí, as noites de lúa chea ouveáballe en sonata, imprimindo en cada nota do seu monólogo a tristeza de selo único supervivente, maldicindo en cada laio a esa especie depredadora, malchamada racional, que rematara cos seus conxéneres.          

Lonxe pero preto de alí, nun pequeno país que se atopaba ao pé de tal montaña, un campesiño vivía feliz na súa granxa, cos seus dóciles seis burros, aos que aloumiñaba a cada segundo e ós que estimaba profundamente, non só por seren os últimos coñecidos no país, senón pola súa complicidade e lealdade.

Unha noite de vento e lúa chea, escoitou aqueles lamentos, que apesares de estaren nun idioma incomprensible, entendía á perfección. A linguaxe dos sentimentos é universal. E dende aquela, noite tras noite, non podía durmir, non polo ruído dos desgarradores ouvidos, senón polo forte que se ancoraban na súa alma, polo contaxiosos que se volvía, por imaxinar o que debe de ser quedar completamente só nun mundo que xa non é para ti.

Un día, observando a Venus dende a herbeira dun río, con ese animal como música de fondo, banda sonora que apenaba a alma, viu pasar unha estrela fugaz. E, inconscientemente, pediu un desexo. Dende ese momento os seus mimados amigos vagarían en manada pola comarca, facendo compañía a aquel lobo solitario, acabando coa súa melancolía, pasando de ser presas a cazadores, mais sempre fieis ao seu antigo dono e compañeiro.

Mais o pobre campesiño, que fixera aquelo co corazón, por rematar coa especie dos burros foi crucificado de por vida........... (FINAL LIBRE, LIBERDADE Á IMAXINACIÓN).

4 comentarios

Anita -

Soidade.... q é iso, ás veces estamos sós, mais iso non é o mesmo q soidade!!! Eu creo q nunca me sentín en soidade e nunca me sentirei porq..... polo menos estás ti ao meu lado, non si¿¿????
Tia, q vai ser de min cando marches.....:(
Liberdade á imaxinación! gústame!

petra -

Ei! acaba o conto, non?

mosaa -

gracias a ti por pasarte por aqui, sexas quen sexas!

Anonimo -

A soedade existe porque todos nos somos un individuo aparte,o individualismo existe en cada persoa independientemente das demais,e da lugar o egoismo que tampouco e malo sempre que non sexa excesivo.Inda que a soedade durante moito tempo non e boa.As persoas aprendemos unhas doutras e é importante que nos valoremos a nos mesmos e normal que pensemos que somos moi importantes e que alguen nos teña que dar algo que nos non teñamos,calquer cousa.Grazas polo blog e pola letra old englhis minus.