Blogia
Terra de ninguén

Un soño menos que cumprir

Un soño menos que cumprir

Non dabamos chegado, a viaxe era interminable, as ganas de pisar terra freaban o tempo con cada ola.

Xa estamos preto. Uffff. Turquesa, branco, azul marino, verde, marrón... Unha festa de cores, pracer para a vista. Quedo pampa mirando. "Veña, que tes oito horas por diante". Ando e ando, árbores e prantas de todo tipo, lagartixas e dragóns de comodo a cada paso, pero sobre todo: gaivotas. Mais non desa praga de ratas que hai nas cidades, non, son das pijas, limpiñas, plumaxe brillante, sás...

Ando e ando. Sento. "Veña, ó Alto do Príncipe, seguro que hai boas vistas". E tanto, vaia lugar... Unhas rochas con formas extrañas fan de cadeira de deseño para poder divisa-lo horizonte azul: azul mar, azul ceo... Silencio. Só se escoitan piar ós paxaros. Sensación de liberdade e infinito.

Baixo e como na praia. Pés descalzos. Cereixas. Ir e vir da auga nas miñas pernas. "Veña, á outra illa" e ando máis. Faros. Areal. Máis cores e diversidade. "Quero bañarme... pero non teño toalla". Todo da igual, para dentro. Fría, mais as ganas fan que torne en quente. Van ser horas. Un xeado e para o barco.

Tantas miradas furtivas dende autobuses, tanta hipnose dende altos, tantos atardeceres sendo anfitrionas dun sol vermello, tantas ganas e desexos de coñecervos... E por fin, onte, despois de cinco anos véndovos dende o outro lado puiden cruza-lo mar e achegarme a vós. Deixástesme descubri-los vosos segredos, agarimar a vosa pel e abraiarme cos vosos encantos.

Espero voltar pronto, Illas Cíes, namentres seguirei a ollarvos de cando en cando dende aquí.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

1 comentario

trasninha -

bueno, bueno, bueno...menuda declaración de amor...
eu tamén teño ganas de ir...
sería un bo destino para un día morto...
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres